A COMPAÑÍA



Logo de 4 anos de formación na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, na cidade de Vigo, varios comediantes decidiron poñer en marcha a Compañía de Teatro Vicus, para embarcarse nunha fermosa aventura cultural e humana.

A formación nas aulas permitiunos especializarnos nas artes escénicas en tan diversas disciplinas como o xogo de máscara, o circo, a loita escénica, o canto, o mimo, a danza e, sobre todo, a commedia dell'arte.

Unha formación completa e esixente que nos permite garantir un alto nivel técnico e artístico nos nosos espectáculos, cursos, conferencias e e xiras nacionais e internacionais. Así como un gran repertorio de espectáculos: dende proxectos didácticos ata a commedia dell'arte.

A Compañía Vicus comeza o seu percorrido no ano 2015 co espectáculo de teatro físico A 3 Niveis. Unha divertida comedia xestual que, entre outros, foi finalista no certame Xuventude Crea dese ano.

No ano seguinte estrearonse O cadro e ser feliz, un novo traballo orixinal da compañía e que supuxo unha primeira aproximación do grupo á comedia de texto; E Piollosos, unha libre adaptación de Ñaque! O de piojos y actores, de José Sanchis Sinisterra.

Durante moito tempo, a compañía sacou adiante un exitoso proxecto didáctico que percorreu os institutos galegos, e que levaba por título Proxecto Crónicas. A iniciativa acabou contendo tres espectáculos: Crónicas de ouro (sobre o século de ouro español), Crónicas Clásicas (sobre o teatro na Grecia e Roma clásica) e Crónicas da fala (sobre o teatro das Irmandades da Fala). Os tres espectáculos continúan en cartel, de maneira ininterrompida, dende o ano 2019.

No 2022 estreouse Salón Alfonsina, unha peza biográfica sobre a poetisa Alfonsina Storni. A boa recepción de crítica e público levouna a ser finalista no certame Xuventude Crea, e participou en diversos festivais o longo de todo o país. A montaxe recibiu premios á Mellor Actriz e Mellor Texto Orixinal.

No ano 2024 estreouse O namorado infiltrado. A peza foi co-producida polo Concello de Vigo e supuxo a primeira gran produción profesional de commedia dell'arte feita en galego en moito tempo. Estreouse na Fortaleza da Muralla de Vigo, sendo a primeira representación teatral realiza neste histórico espazo. O inmenso éxito que supuxo esta montaxe fixo que a produción gozase dunha exitosa xira polo territorio nacional.

En novembro do ano seguinte presentouse Conto de nadal. Un triunfo sen precedentes e un fito histórico para a commedia dell'arte feita en galego. A peza estivo en cartel durante dous meses consecutivos, gozando dunha formidable reposta de público e crítica. Na actualidade, o espectáculo segue xirando baixo o nome As tres vidas de Pantalone.

Para o nadal de 2026 a compañía preparará unha nova montaxe que será anunciada en breve.